CRTVG

Buscar

Un incendio nunha granxa de Rois deixa importantes perdas

Publicado o 10/03/2020 14:33

Para os propietarios da granxa avícola de Soto, situada no lugar de Peracova, en Rois, esta foi unha madrugada difícil. Á primeira hora desta mañá, un veciño da zona alertábaos por vía telefónica de que unha das naves, onde a noite anterior descargaran preto de 9.000 polos acabados de nacer, ardera.

O lume non afectou as outras dúas naves que conforman a granxa e nas que había almacenados outros tantos milleiros de polos. Porén, a nave central ardeu por completo. O custo da súa reconstrución, segundo estiman os propietarios, superará os 100.000 euros.

A orixe das lapas prevén que puido estar na caída dalgunha das lámpadas de gas propano ou nalgunha avaría eléctrica, pero, polo de agora, queda agardar a que a Policía Xudicial e o perito da compañía aseguradora investiguen para confirmar cal foi o detonante.

Nas case tres décadas que esta granxa familiar leva traballando no sector, é a primeira vez que afrontan un incidente deste calibre. Tras o ocorrido, agardan que a situación mellore e cambie a súa sorte.

Noticias web

10/03/2020