CRTVG

Buscar

Controlado o incendio de Sabiñánigo que obrigara a confinar a poboación

Publicado o 04/05/2020 21:35
Berta Fernández, alcaldesa de Sabiñánigo, indicou que a situación que se xerou nunha fábrica de cloro na tarde deste luns está xa controlada e que non se produciron feridos de carácter grave, aínda que tres traballadores foron atendidos por molestias respiratorias. O plan de emerxencia por risco químico, que se puxera en marcha, finalizou sobre as 21.30 horas.

Fernández engadiu que non se rexistrou ningunha explosión na planta da empresa Orache Desinfección, que fabrica pastillas de cloro, senón que se produciu unha combustión espontánea nunha máquina e ao facer reacción con algún produto químico creouse unha gran nube tóxica. Por mor do acontecido activárase o plan de emerxencia exterior de Sabiñánigo por risco químico. Os veciños seguiron as indicacións, entre elas, manterse confinados, pechar xanelas e balcóns e apagar os sistemas de ventilación.

A localidade supera os 9.000 habitantes. A emerxencia chegou á súa fin, segundo a alcaldesa, ao desaparecer o risco tóxico e cando volveron soar as alarmas, cun son continuo de 30 segundos de duración, que tamén avisaron os veciños do inicio da emerxencia.
Activárase a alarma arredor das sete da tarde do luns, na planta de Orache Desinfeccións, situada nun polígono de Sabiñánigo. A Policía Local de Sabiñánigo os bombeiros do Alto Gállego, Jacetania, Hoya de Huesca e Zaragoza foron activados polo 112. Tamén se desprazaron ata o lugar efectivos da Garda Civil.

A alcaldesa, Berta Fernández, indicou que dende o primeiro momento houbo unha gran coordinación entre todos os efectivos.
"Actuouse rapidamente e púxose en marcha o plan de emerxencia por risco químico". Orache Desinfection é unha empresa fundada en 2012 que fabrica e comercializa pastillas desinfectantes e deterxentes con produtos derivados do cloro. En Sabiñánigo conta cunha planta produtiva de 1.500 metros cadrados, un almacén de materia prima cunha superficie de 400 metros, laboratorio e oficinas.

Noticias web

04/05/2020