CRTVG

Buscar

Un incendio nun vehículo nun garaxe obrigou a desaloxar case un cento de veciños en Marín

Publicado o 06/06/2018 13:59

Arde un monovolume nun garaxe, e houbo que desaloxar case un cento de veciños, en Marín. Hai moitos danos, porque o lume afectou parte do teito, que caeu sobre os dez coches que había dentro.

Os veciños gravaron a chegada dos bombeiros e a saída do fume do garaxe. Minutos despois, xa estaban na rúa desaloxados.

En total son unhas 100 persoas que viven en dous bloques dun edificio. Moitos baixaron co posto e tiveron que agardar polo rescate das súas mascotas. O lume comezou sobre as 9.20 da mañá. Unha porta traseira facilitoulles o acceso aos bombeiros.

Os danos son cuantiosos porque no momento do suceso había uns 10 coches no garaxe. Fontes veciñais din que o vehículo que ardeu é un monovolume e que foi o venres pasado ao taller para que lle cambiaran o motor de arranque. Segundo esta versión, as causas poden ser mecánicas pero haberá que agardar.

Ademais dos bombeiros do Morrazo e de Pontevedra tamén se mobilizou unha ambulancia porque no edificio viven persoas con mobilidade reducida. Sobre as doce da mañá, unha vez que se ventilou e os gases foron diminuíndo, os veciños puideron volver ás súas casas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/06/2018