CRTVG

Buscar

Un incendio nun transfornador nun centro comercial de Santiago deixa sen luz varios negocios

Publicado o 11/07/2019 17:48

O incendio declarouse contra as sete da mañá nun transformador eléctrico situado nun dos accesos ao aparcadoiro do edificio Área Central, no barrio compostelán das Fontiñas. Algunhas testemuñas compararon os estalidos e as chispas que saían cos fogos do Apóstolo. Outras, cunha bomba. "Empezaron unhas explosións que duraron media hora e vimos un fume negro. Non sabiamos que estaba pasando, o chan retumbaba, movíase debaixo", contaba Susana García, xefa de recepción dun hotel no centro comercial.

O hotel encheuse de fume e os clientes baixaron alarmados á recepción. "Aquí estamos sen luz, sen teléfono, totalmente incomunicados", explicaba nese momento Susana García.

No edificio hai negocios e vivendas. A unha das veciñas que utiliza un respirador conectado á rede eléctrica tiveron que trasladala en ambulancia ao hospital. Algunhas tendas non puideron nin abrir as persianas. "Non nos deron ningún tipo de explicación, só que prendeu lume no transformador, e estamos todos sen poder facer nada", lamentaba Isabel González, comerciante.

Na tenda de Isabel preparan a diario medio cento de pratos para levar, pero esta mañá case daba por perdido o día. "Preocupación polas neveiras, temos gas pero, ao non haber luz, non podemos cociñar. Os provedores están chegando, tampouco sabemos se temos que devolver o pan. Non sabemos se imos poder abrir. Esa é a cuestión máis preocupante", contaba.

Un equipo dos bombeiros de Santiago sufocou o incendio con extintores de CO2 e permaneceu no lugar ata a chegada da empresa encargada de restablecer a subministración eléctrica.

Noticias web

11/07/2019