CRTVG

Buscar

Un incendio nun pendello ameaza con se espallar a unha vivenda

Publicado o 10/03/2019 14:46

Os bombeiros de Sarria continúan refrescando este pendello construído en pedra e madeira que quedou totalmente arrasado polo lume nunha localidade próxima á zona urbana. Foron uns viandantes os que deron a voz de alarma.

"Fomos alertados por varios condutores que pasaban pola estrada, que vían o lume nun pendello en Vilar de Sarria e entón cando chegamos atopamos que estaba ardendo. Tiña diverso material; leña e unha pa escavadora. Estaba xa completamente incendiado e con risco de que se propagase á vivenda contigua", informa o cabo dos bombeiros de Sarria, Alberto Cela. 

Afortunadamente, na casa do lado non vive ninguén desde hai máis de dous anos. De feito, ten a luz cortada. Con todo, os bombeiros entraron nela para asegurar que as lapas non se propagaban á vivenda lindeira, tamén construída con trabes de madeira.

"O risco era que se propagase á vivenda contigua e ao final conseguimos controlalo. Mobilizamos dous vehículos, un de primeira saída que chamamos un bull e outro nodriza e tivemos que mobilizar tamén medios do Concello para que nos abastecesen de máis auga", asegura o bombeiro de Sarria.

O incendio comezou sobre as nove e media da mañá, por razóns que están sen determinar. Os bombeiros teñen previsto continuar refrescando o lugar para evitar que revivan os rescaldos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/03/2019