CRTVG

Buscar

Un incendio nun alpendre de Baralla calcina un tractor e dous coches

Publicado o 10/09/2019 14:14

Aínda sae fume no escenario do incendio que de madrugada calcinou por completo este alpendre do lugar de Riosubil, no concello de Baralla.

Foi contra as tres da mañá cando un ruído estraño espertou o propietario da casa. Cando se asomou pola fiestra xa viu que o incendio estaba moi avanzado e deu aviso ao 112. Mentres tanto, con cisternas, tentaron atallar como podían o avance do lume. Non conseguiron salvar os dous coches e o tractor que había no alpendre, pero si evitar que se propagase ata a casa.

Afortunadamente, non quedou ninguén ferido, pero o incendio si deixa importantes perdas materiais. Un tractor, dous coches e diversos apeiros de labranza forman parte dos danos deste aparatoso incendio. Non foi ata unhas catro horas despois cando o deron por extinguido.

Polo momento, descoñécese como se iniciou o lume. Nos labores de extinción participaron, ademais dos GES de Becerreá, os bombeiros de Sarria.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/09/2019