CRTVG

Buscar

O lume obriga a desaloxar un edificio de dez plantas no centro da Coruña

Publicado o 11/05/2019 20:39

Un incendio que comezou nos ascensores obrigou a desaloxar un edificio de dez plantas da Coruña. Foi unha intervención complicada para os bombeiros porque algúns veciños trataron de saír polos seus propios medios e quedaron atrapados polo fume nas escaleiras. Unha persoa foi trasladada ao hospital con problemas respiratorios.

Cando entraron no edificio, os bombeiros atoparon veciños nas escaleiras, tratando de chegar á rúa. O fume era denso e xa se estendera ata os pisos superiores. O primeiro que fixeron foi evitar que saísen das súas casas máis persoas.

Eduardo García, sarxento dos bombeiros da Coruña: "Mandamos confinar a xente nos seus pisos, porque o fume partía da planta baixa, na zona dos ascensores, cortamos as subministracións, confinamos as persoas e evacuamos a xente que había nas escaleiras".

Foron momentos de angustia para Herminia, que vive no décimo piso. Abriu a porta cando sentiu o timbre e o fume invadiu a súa casa. Refuxiouse no cuarto de baño. Rescatárona os bombeiros.

Hermina Abad: "Tes angustia porque sentes que o osíxeno se vai acabando. Aínda me custa respirar agora. Todo foi ben ata que o fume empezou a vir polo patio. Estaba encaixonada, tiña fume por todas partes e non podía saír."

Os bombeiros conseguiron evacuar todos os veciños. Algúns foron atendidos na rúa por profesionais sanitarios. Unha persoa foi trasladada ao hospital con síntomas de intoxicación por inhalación de fume.

Eduardo García, sarxento dos bombeiros da Coruña: "Quixeron saír, escoitaron ruídos e iso é unha complicación tanto para a extinción como para a seguridade das persoas". Catro camións dos bombeiros participaron no operativo, que obrigou a pechar dous carrís de circulación da rúa Juan Flórez durante máis de dúas horas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/05/2019