CRTVG

Buscar

Un incendio na residencia de Ribadumia queda, por fortuna, nun susto

Publicado o 25/04/2021 23:21
Un incendio na residencia de Ribadumia queda, por fortuna, nun susto

Un incendio nun colchón fixo saltar todas as alarmas na residencia de maiores de Ribadumia. Mobilizouse un amplo dispositivo de emerxencias e considerouse a posibilidade de desaloxar o edificio, que finalmente non foi preciso.

Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros do Salnés das bases de Vilagarcía e de Ribadumia, a Garda Civil, Emerxencias de Cambados, Protección Civil de Ribadumia e varias ambulancias ante a posibilidade de ter que desaloxar o inmoble.

Unha traballadora do propio centro de maiores logrou sufocar as lapas e evitou a súa propagación ao resto do edificio; daquela, os residentes non tiveron que evacualo en ningún momento. O alcalde da localidade, David Castro, desprazaouse ata a residencia para interesarse pola situación creada.