CRTVG

Buscar

Un incendio na Estrada obriga a cortar a N-525 polo fume

Publicado o 12/09/2019 19:34
Un incendio na Estrada obriga a cortar a N-525 polo fume

Un incendio na Estrada, na parroquia de Loimil, obrigou esta tarde de xoves a cortar a estrada N-525 polo fume á altura de Abades, no Concello de Silleda.

Segundo informa a DXT a Europa Press, o corte produciuse desde as 17:52 horas e pasadas as 19:00 continuaba sen abrirse a vía no quilómetro 315 en ambos os dous sentidos. Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural explicou a Europa Press que o lume se declarou ás 17,07 horas, pero está controlado desde as 18,24 horas tras queimar 0,7 hectáreas. Nas tarefas de extinción destes incendios traballan tres helicópteros, dous avións, dous axentes e sete brigadas, entre outros medios.

Outros incendios

Este xoves rexístranse outros lumes en Galicia, en Ribeira (A Coruña), Palas de Rei (Lugo) e Ponteareas (Pontevedra). O incendio de Palas na parroquia de San Miguel de Coence, xa extinguido desde as 18,11 horas, que comezara ás 17,04 horas. A superficie queimada é de 0,10 hectáreas.

En Ribeira, o lume iniciouse ás 16,43 horas e está controlado desde as 17,38 despois de arderen 0,45 hectáreas. En Ponteareas, na parroquia de Angoares, tamén quedou controlado un incendio ás 19,05 despois de comezar ás 17,32 horas. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí