CRTVG

Buscar

Un incendio na área de máquinas deixou ao Blue Star sen goberno e o temporal levouno contra os penedos de Ares

Publicado o 23/11/2019 14:33


A odisea do Blue Star comezaba na noite de onte, segundo os sistemas de seguemento electrónicos. Durante a tardiña permanecía fondeado na ría de Ares, resgardado do temporal, pero sobre as nove da noite comezou a navegar en dirección ao porto da Coruña para cargar seis mil toneladas de produtos químicos.

Cando o barco de 129 metros de eslora está saíndo da ría, o seu rumbo comeza a ser errático e a derivar cara a costa. Segundo Salvamento Marítimo, un incendio deixa o buque de bandeira maltesa sen motor e o forte temporal, con ondas de catro e cinco metros, fai o resto. Tras unha hora á valga, o buque acaba encallando nos cantis próximos a zona das Mirandas, preto da vila de Ares.

Coas alarmas activadas e a sombra do Prestixe e do Mar Egeo presentes, varios remolcadores e o helicóptero Helimer 401 están xa traballando na zona cara a medianoite. Avísase tamén ao super remolcador don Inda, que sae a toda máquina dende a súa base, na ria de Corcubión.

Sobre as dúas da madrugada, coa preamar e fortes ondas batendo contra o costado do barco, estúdase evacuar a tripulación por aire ou tratar de sacar o buque cos remolcadores. O mal tempo impídeo.

Co Blue Star estabilizado nos penedos, e a tripulación segura no seu interior, os remolcadores refúxianse na ría a espera do día. Ainda que se informou de que o barco estaba baleiro de carga, actívase o plan anticontaminación por se se produce algún derramamento de combustible. Xa coas primeiras luces do día, alcanzase a ver a magnitude dunha situación que desta vez non acabou en traxedia.

Noticias web

23/11/2019