CRTVG

Buscar

Mil hectáreas arrasadas no incendio de Gran Canaria, nunha zona Patrimonio da Humanidade

Publicado o 11/08/2019 20:57

As lapas arrasan desde onte á tarde máis de 900 hectáreas nunha área de especial valor ecolóxico. Situámonos nas denominadas Montañas Sagradas de Gran Canaria e Risco Caído, que foron declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Iso sucedía hai só un mes, en xullo, e neste agosto de elevadas temperaturas no arquipélago canario, este incendio deixa un ronsel de cinza e destrución.

Pola noite, o vento e a aparición de focos secundarios reavivaron as lapas nas zonas máis elevadas de montaña.

Dez novos medios aéreos incorporáronse ao longo da mañá aos labores de extinción Ademais, trinta integrantes da Unidade Militar de Emerxencias con varios vehículos, que aparecen nestas imaxes embarcando en Tenerife cara a Gran Canaria, reforzan nas últimas horas os 120 traballadores dos servizos antincendios.

O lume obrigou á evacuación duns mil veciños que viven na zona máis alta da illa, pertencentes a dez barrios, que é como se chaman aquí os núcleos pequenos de poboación. Durante a noite foron realoxados en albergues e dependencias de tres concellos.

Detrás do desastre, unha imprudencia humana. Un home de 55 anos, veciño de Telde, realizaba traballos de soldadura cos termómetros marcando máis de 30 graos. As faíscas provocaron un primeiro conato de incendio no concello de Artenara, que se expandiu desde primeira hora da tarde ata chegar a afectar a cinco municipios. O presunto autor involuntario do incendio foi detido horas despois pola Garda Civil.
 

Noticias web

11/08/2019