CRTVG

Buscar

Un incendio forestal activo pon en alerta núcleos de poboación en Monterrei

Publicado o 24/07/2020 20:35
Un incendio forestal activo pon en alerta núcleos de poboación en Monterrei

O incendio que se iniciou esta tarde ás 17:05 horas na parroquia de Flariz, en Monterrei, afecta, segundo as primeiras estimacións provisionais da Xunta, a unha superficie de vinte hectáreas.

Nos traballos de extinción participan tres axentes, seis brigadas, catro motobombas, unha pa, cinco helicópteros e oito avións. Fontes dos servizos de Emerxencias informaban nas redes sociais de que se solicitou á Xunta que active a situación dúas #ante a proximidade do lume ao núcleo da Salgueira.

O alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, asegurou que o lume "está complicado" porque "tira bastante aire" e non descarta que se continúa avanzando a este ritmo poida chegar a algunha zona habitada.

Este incendio é o segundo rexistrado nas últimas horas no sueste da provincia de Ourense. Con carácter previo, outro incendio obrigou a cortar a circulación (xa restablecida) na estrada OU-1018 en Cualedro, na parroquia de Rebordondo.