CRTVG

Buscar

Un incendio estraga o tellado dunha vivenda unifamiliar en Redondela

Publicado o 21/03/2019 20:02

Unha familia da parroquia redondelá do Viso quedou sen casa por mor dun voraz incendio. O lume iniciouse no rocho da vivenda provocando o derrubamento de toda a cuberta.

No interior había tres persoas que non se feriron. Aínda conmocionados polo sucedido, terán que aloxarse na casa dun sobriño polo menos durante varios meses. A vivenda está precintada porque de momento non poden garantir a súa seguridade.

Aconteceu en cuestión de minutos e co tempo xusto para dar aviso aos equipos de emerxencia e sacar do interior desta casa centenaria as persoas que estaban dentro: o fillo de Pilar e a súa nai octoxenaria.

Ao seu marido o lume colleuno cando ía andando ao fisioterapeuta. A columna de fume que se formou pronto o puxo en alerta. Con esa angustia volveu á súa casa, que xa estaba completamente queimada.

O lume orixinouse no rocho e puido deberse a un fallo eléctrico. Cando Pilar saíu ao exterior para verificar o contador xa viu as lapas saíndo polo tellado, que rapidamente se derrubou.

Esta mañá estivo un perito avaliando os danos. De momento, a vivenda permanece precintada ata que poidan garantir a súa seguridade. A familia, que segue conmocionada polo sucedido, vive arestora na casa dun sobriño e aquí permanecerán un tempo longo porque a reconstrución do seu fogar levará como mínimo catro meses.


 

Noticias web

21/03/2019