CRTVG

Buscar

Un incendio estraga o tellado dunha casa e dana outras dúas en Chantada

Publicado o 29/04/2019 13:39

Tres casas do barrio da Ponte, en Chantada, sufriron danos por mor dun incendio. A máis afectada foi a vivenda do medio, onde se orixinou o lume. A extinción das lapas, en que participaron varios parques de bombeiros, precisaron tres horas de traballos.

Vicente Simón, sarxento dos bombeiros de Chantada: "Cando chegaron alí, xa estaba o lume nunha vivenda unifamiliar, na segunda planta, moi desenvolvido. Era unha especie de ático, cunha bufarda alta, todo forrado de madeira, e o lume alí xa saíra para fóra. Xa rompera o tellado, polo que ao ventilar o desenvolvemento do lume foi moi virulento e complicado de extinguir. Entón a dotación que se desprazou pediu máis recursos e viñeron os bombeiros de Monforte, o GES de Monterroso e mais unha nodriza dos forestais para dar apoio con auga."

Todo apunta que a causa do incendio foi un curtocircuíto na vivenda máis afectada. As lindeiras tamén sufriron danos, tanto na cuberta coma nas habitacións da primeira planta.

Norma García de Randolfe, dona dunha das vivendas afectadas: "Preguntoume o meu xenro se non sentía o cheiro a fume, foi ao faiado e abrasouno o fume. Foi fixarse por todos os partes e non viu nada. Daquela correu ao lado e viu xa tres bombeiros na porta. Estaban sacando xa o señor maior nunha ambulancia".

Vicente Simón, sarxento dos bombeiros de Chantada: "Algo apuntaba alí a un curtocircuíto. Baixáranse os diferenciais eléctricos e ao darlles para arriba comezou o lume. Nós o que vimos foi que na zona onde comezou o lume estaba moi calcinada. Fora a únca zona onde saíra para fóra o lume e rompera o tellado. Esa virulencia que despois acadou unha vez se ventilou o que fixo que se propagara ás vivendas lindeiras, que eran de madeira".

Unha vez extinguido o lume, os bombeiros volveron varias veces para comprobar que non se reavivara.

Noticias web

29/04/2019