CRTVG

Buscar

Un incendio en Baralla deixa seis persoas sen fogar e sen pertenzas

Publicado o 18/01/2021 13:11

Un curtocircuíto nunha estufa eléctrica no cuarto dos cativos, esa foi a causa do incendio que arrasou esta vivenda no concello de Baralla, onde residían tres adultos e tres menores. O lume comezou de madrugada e en pouco tempo desfixo o inmoble, que tiña a estrutura de madeira. As seis persoas puideron saír da casa e mesmo poñer a salvo os cans e cabras, pero quedaron sen nada máis que a roupa que levaban posta. Aínda así, cren que tiveron moita sorte.

"Onte víao todo moi negativo porque perdemos ata os aforros. Pero pensando no que pasou hai que agradecer que todos estamos ben e non nos pasou nada", relata Luis Pérez, propietario da vivenda.

Polo de agora os afectados están aloxados nun hotel que paga o Concello de Baralla. Malia o acontecido, a súa vontade é buscar unha nova vivenda nesta mesma zona ou outra semellante e refacer a súa vida. Son unha parella oriúnda de Meis e unha muller convalecente e os seus tres fillos menores.

"É unha casa illada e non temos veciños. Pero pouco a pouco estamos a recibir chamadas dos veciños que queren axudar", di Luis.

O dono da casa é escritor e curiosamente destinou os beneficios do seu último libro a unha ONG. Agora confía en recibir a mesma solidariedade que el exerceu e poder instalarse canto antes noutra vivenda.

Noticias web

18/01/2021