CRTVG

Buscar

Un incendio destrúe unha nave industrial en Betanzos

Publicado o 22/10/2019 10:06

O incendio declarouse contra as 11 da noite nesta nave dedicada á fabricación e venda de maquinaria e ferramentas para a automoción situada no polígono de Piadela, en Betanzos. Malia a rápida intervención dos bombeiros, o lume propagouse velozmente polo que foi necesario solicitar o reforzo dos bombeiros do parque comarcal de Arteixo e Ordes.

Os primeiros indicios apuntan a que o lume puido orixinarse nunha zona destinada a mantemento. As características do material almacenado provocaron que o lume avanzara con rapidez.

Tras case dez horas de traballo e máis de 50.000 litros de auga, a primeira hora desta mañá aínda podían verse no interior pequenos focos de lume entre os cascallos e os ferros da nave que quedou completamente calcinada. Bombeiros e propietario teñen a esperanza de poder salvar algún material da oficina.

O propietario da empresa calcula que entre a nave e o material almacenado, as perdas superan os tres millóns de euros. Malia ter todo perdido agora pensa en retomar a actividade no almacén que a empresa ten en Coirós.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí