CRTVG

Buscar

Un incendio destrúe o campo de refuxiados de Lesbos, onde malvivían 13.000 persoas

Publicado o 09/09/2020 17:23

O campo de Moria en Lesbos deixou de existir. Non foi froito do esforzo e a solidariedade europea, senón dun incendio que deixou sen teito (afortunadamente non sen vida) as case 13.000 persoas que malvivían alí en condicións hixiénicas deplorables e desde hai unha semana en corentena polo coronavirus.

O Goberno grego asegurou que investigará a fondo as causas do incendio, pero dá por seguro que foi provocado polos propios residentes, porque as lapas estalaron en varios puntos simultaneamente e xusto despois de que se lle anunciara a un grupo de 35 persoas que deran positivo en coronavirus.

"Recoñezo que as condicións son difíciles. Pero non poden xustificar reaccións violentas a controis sanitarios, tampouco disturbios desta envergadura", destacou o primeiro ministro grego, Kyriakos Mitsotakis, nunha mensaxe televisada, no que lembrou que a xestión da crise migratoria é un problema "europeo" e non de Grecia en exclusiva.

Mitsotakis anunciou que os residentes que quedaron sen teito serán aloxados en breve "en carpas adecuadas" e os que dean positivo nas probas que se van a realizar a grande escala, "recibirán tratamento".

Ademais, haberá axuda para a poboación local, pero tamén restricións no movemento para evitar unha propagación.

Segundo o ministro de Estado, Yorgos Yerapetritis, unha primeira avaliación da situación mostra que o incendio non deixou sen teito a totalidade dos seus preto de 13.000 habitantes, senón a entre 3.000 e 4.000.

En declaracións á cadea privada Skai Yerapetritis sinalou que se queimou a estrutura central do campo, pero no piñeiral que a rodea, onde vive a maioría, a destrución non foi total.

O que non está claro é se se vai a acelerar a construción dun campo pechado, algo que o Goberno conservador leva anunciando desde hai tempo, pero que ata o de agora se atrasou pola resistencia da poboación e as autoridades locais.

Un dos retos principais será agora proporcionar condicións de hixiene e encargar unha gran cantidade de probas rápidas de Covid-19 en todo Lesbos.

O campo atopábase en corentena tras a aparición hai unha semana do primeiro caso. Iso fai que a situación sexa aínda mais explosiva, porque miles de persoas deambulan agora polos arredores do que quedou do campo, mesturados os que deron positivo cos que non foron contaxiados.

A primeira medida de urxencia foi bloquear a estrada que leva desde Moria a Mitilene, a capital da illa, situada a uns 7 quilómetros, para evitar a propagación.

Mentres esperan os seus novos e precarios aloxamentos, os migrantes levan todo o día paseando entre as cinzas en busca de algo que recuperar dos entullos, sen que ninguén lles prohibira entrar nun recinto que aínda non é seguro. 

Varias ONG insistiron na necesidade de trasladar a todas as persoas ao continente a instalacións adecuadas e humanas, e urxiron á Unión Europea a cambiar "radicalmente" a súa política migratoria e poñer dunha vez por todas en práctica un plan de recolocación nos Estados membros. 

As primeiras reaccións europeas non tardaron en chegar e mentres a Comisión Europea anunciou que custeará o traslado á parte continental de Grecia dos 400 menores non acompañados que quedaban no campo, algo que está previsto ocorra aínda hoxe, Alemaña ofreceu acelerar o seu programa de recolocación de menores.

Noticias web

09/09/2020