CRTVG

Buscar

Un incendio causa danos graves nun pazo do século XVI en Piñor de Cea

Publicado o 03/06/2019 14:11

Un incendio causou importantes danos materiais nun pazo do século XVI no concello de Piñor. Todo apunta a que o lume comezou de madrugada no piso inferior da vivenda a causa dun curtocircuíto. Os inquilinos decatáronse do que acontecía ante o estado de nerviosismo dun dos cans. A rápida intervención dos bombeiros evitou que o incendio fora a maiores. 

Todo aconteceu de madrugada neste pazo de Reda, situado no concello ourensán de Piñor. A propietaria estaba fóra traballando e na casa quedaran o fillo e a nai. Todo apunta a que o lume comezou a causa dun curtocircuíto na adega da vivenda. O lume espallouse rapidamente por boa parte da casa sen que os propietarios se decataran do que pasaba nun primeiro momento.

Unha das cadelas foi a que alertou do que acontecía: foi á procura do mozo e levouno ata a zona que estaba ardendo. Cando abriron a porta as lapas xa subiran ata as vigas de madeira do teito e o lume afectaba tamén a habitación do piso superior. O rapaz foi quen de reaccionar rapidamente, chamou o 112 para pedir axuda mesmo antes de avisar a súa nai. A avoa que durmía nun dos cuartos do segundo andar mesmo tentou sufocar as lapas cunha mangueira. Os bombeiros precisaron varias horas de traballo e case 8.000 litros de auga para apagar o incendio.

Os danos materiais son cuantiosos, xa que na zona afectada, como no resto da casa, os mobles son de madeira igual que o chan e o teito. Nalgunhas habitacións non foi a máis grazas a que o chan estaba cuberto de plaqueta o que impediu que as lapas se propagaran á zona dianteira da casa.

Hoxe todos agradecen que Laska advertira do perigo, están convencidos de que a súa intervención evitou que o incendio se convertera nunha traxedia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/06/2019