CRTVG

Buscar

Un incendio calcina diversa maquinaria dunha nave industrial de Sarria

Publicado o 23/07/2019 18:05

Un incendio calcinou diversa maquinaria dunha nave industrial de Sarria. O lume danou tamén parte da estrutura das instalacións, pero non houbo que lamentar danos persois. Ademais dos bombeiros, interveu a Garda Civil e a Policía Xudicial para investigar como se iniciou o incendio.

Foi nesta nave do polígono industrial de San Xulián da Veiga onde se iniciou de madrugada un incendio. As instalacións están dedicacas á fabricación de produtos derivados da madeira, pero no momento do incendio non había ningúen traballando. Os empregados chegaban pouco despois dos bombeiros e axudáronlles a estes a localizar o foco do lume.

Cando chegaron os bombeiros, as lapas xa calcinaran varias máquinas e tamén afectaran parte da estrutura da propia nave. Con todo, empregáronse a fondo para atallar o lume ante o perigo de que se propagase ata outras zonas en que había produtos altamente inflamables.

A zona quedou custodiada pola Garda Civil ata a chegada da Policía Xudicial, que prodeceu a inspeccionar o lugar do incendio para esclarecer se se tratou dun accidente ou se o lume puido ser intencionado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/07/2019