CRTVG

Buscar

Un incendio destrúe por completo unha fábrica de estruturas metálicas en Vilagarcía

Publicado o 16/07/2020 19:23

Unha vez que o lume prendeu propagouse con rapidez polo interior das instalacións, consumindo todo o material inflamable que alí había. Por fortuna os operarios saíron axiña e sen sufrir danos. Non tardaron en chegar os equipos de extinción dos bombeiros do Salnés e os do servizo de emerxencias municipal, pero nada puideron facer por conter a caldeira ardente en que se converteu a nave.

"A propagación do incendio foi moi rápida, debido aos materiais que había, derivados do petróleo e disolventes. Cando chegamos xa se trataba dun incenido xeralizado no interior da nave e soamente se puido confinar e evitar que pasase ás propiedades lindeiras", comentou Francisco Javier Guillán, o xefe do servizo municipal de emerxencias de Vilagarcía de Arousa.

Os danos foron cuantiosos, tanto na maquinaria para a construción de pezas metálicas como no propio inmoble. Mesmo hai risco de derrumbe.

"Agora imos ver como queda a estrutura da nave, proque hai algunha parede moi danada e con risco de caer sobre a vía pública", sinala o xefe de emerxencias municipal.

"Era un taller de estruturas metálicas, e sei que tiña moito material e moita maquinaria dento. Era un rapaza que acababad e empezar a vida...", laiábase un veciño.

O fume afectou durante uns minutos as vivendas máis próximas, aínda que sen causar danos nin nas casas nin aos veciños.

 

Noticias web

16/07/2020