CRTVG

Buscar

Un incendio calcina unha chabola baixo a Ponte Nova de Ourense

Publicado o 16/07/2019 22:25
Un incendio calcina unha chabola baixo a Ponte Nova de Ourense

Un incendio calcinou por completo a chabola situada baixo un dos arcos da Ponte Nova da cidade de Ourense, en que habitaba desde hai anos un xubilado. Ata o lugar do suceso, ademais dos bombeiros, trasladáronse efectivos da Policía Local e Nacional. Nestes momentos, a Policía Científica traballa para esclarecer as causas do incendio e se puido ser intencionado.

Os bombeiros explicaron que no interior da chabola "había tres bombonas de gas que, por un exceso de presión, perderon o gas e arderon" pero "sen chegar a explotar". Así mesmo, durante uns instantes puido verse lume por debaixo da pasarela, pero os bombeiros lograron apagalo en pouco tempo.

O incendio orixinouse aproximadamente ás 20,00 horas. Unha hora despois, as dúas unidades de bombeiros que traballaron na súa extinción conseguiran apagar as lapas por completo. O lume non afectou o home que residía na vivenda, xa que no momento dos feitos non se atopaba no interior.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí