CRTVG

Buscar

Un incendio calcina un alboio empregado como vivenda por dúas persoas en Coristanco

Publicado o 26/02/2019 13:49

O lume iniciouse contra as dúas da tarde neste alpendre reconvertido en vivenda no Carrizal, en Coristanco. Foi unha veciña a que alertou o seu propietario de que saía fume da casa.

"Ardeulle a casiña toda. Estabamos dentro da outra e veunos unha veciña avisar de que lle estaba a arder. Non lle quedou nin un calcetín, nada, nada, ardeulle todo canto tiña todo", di María del Pilar Vega, nai do propietario da vivenda. 

"Nós, cando chegamos alí, tratábase dunha caseta de fibra que a utilizaba o propietario como vivenda, e cando chegamos estaba completamente de lapas, xa que había moita carga de calor, segundo o propietario había colchóns, había unha cociña", informa María Jesús Vilariño Díaz, sarxenta xefa do parque de bombeiros de Carballo.

Malia que se descoñecen as causas que causaron o lume, todo apunta a que se puido deber a un curtocircuíto.

Segundo María Jesús Vilariño Díaz, sarxenta xefa do parque de bombeiros de Carballo: "Descoñécense as causas, segundo o propietario, pero el di que era todo eléctrico".

A nai do propietario, un home de 35 anos, di que malia que o seu fillo intentou entrar na vivenda, a rapidez coa que se propagaron as lapas fixo imposible salvar nada do que había dentro.

María del Pilar Vega, nai do propietario da vivenda, di: "Non se puido salvar nada. Dentro estaba toda a súa vidiña, papeis, documentacións, toda a vida del, toda a vida del tíñaa alí metidiña e non lle quedou nin un pantalón, nada, nada. Non sei que imos facer".

Esta mesma mañá, o propietario, que pasou a noite na casa da súa nai, acudiu aos servizos sociais do Concello para informar do suceso e solicitar axuda.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/02/2019