Un incendio arrasa unha casa en Moaña sen producir danos persoais
Un incendio provocou onte á noite importantes danos nunha vivenda unifamiliar en Moaña, pois unha das súas dúas plantas ardeu por completo, sen que ningunha persoa resultase afectada, informaron fontes do 112 Galicia.
Os bombeiros do Morrazo detallaron que arderon tamén unha habitación da outra planta da vivenda e o cadro de luz dun galpón anexo.
Foi un particular quen ao fío da medianoite chamou para pedir axuda e indicaba que estaba a arder a súa casa, no lugar da Moreira, en Meira, e sospeitaba que a orixe do incendio podía estar na cheminea.
Tamén indicou que non había persoas afectadas, pois todos os moradores estaban fóra da vivenda ao encherse de fume todas as estancias.
Sobre as 3.00 horas, os bombeiros confirmaron a extinción total do incendio.