CRTVG

Buscar

Un incendio estraga por completo un asentamento de chabolas en Lepe

Publicado o 15/10/2019 15:07

Un novo e grande incendio obrigou a desaloxar esta noite un campamento de choupanas en Lepe. O lume propagouse rapidamente por mor do vento e houbo que desaloxar preto de 150 persoas, todas elas inmigrantes que traballan estes días na plantación do amorodo.

O incendio orixinouse pouco antes das dez da noite e propagouse con gran rapidez por todo o asentamento, levantado hai xa dez anos a carón do cemiterio de Lepe.

Os equipos de extincion víronse sorprendidos pola explosión de varias bombonas de gas.

O lume viuse favorecido polo vento e porque o asentamento está composto por chabolas de cartón e plástico.

Non se sabe con exactitude cantas persoas podía haber nel no momento do incendio, pero si se sabe que todas son inmigrantes que traballan estes días na plantación do amorodo.

Na época de recollida, entre febreiro e maio, viven aquí máis de mil persoas. A pesar da magnitude do incendio, os servizos de emerxencia confirmaron que non houbo danos persoais.

Xa na madrugada pasada se rexitrara neste mesmo asentamento outro incendio menor que deixara un mozo ferido.

Pero o desta noite estragou por completo o asentamento pero os bombeiros lograron evitar que o lume chegara ata unha gasolineira próxima e ao parque industrial que tivo que ser desaloxado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí