CRTVG

Buscar

Un incendio arrasa un alpendre en Cospeito

Publicado o 03/01/2019 14:17

Un incendio arrasou este alpendre da parroquia do Pino, en Cospeito. Ademais da cuberta do pendello, as lapas calcinaron todo canto había gardado no seu interior. Ardeu un tractor de leña de carballo, valorado nuns 500 euros, e mais diversos apeiros de labranza, coma rastros, fouces ou serróns. En total, estímase que o valor dos danos materiais supera os 1.000 euros.

José López Díaz, dono do alpendre incendiado: "Perdín todo o que tiña. A uralita, as fouces e a leña. Valorarase en algo máis de mil euros".

O lume declarouse a primeira hora da xornada, cando aínda non abrira o día. Tras daren aviso uns veciños, acudiron os bombeiros do parque comarcal de Vilalba para sufocar as lapas.

José López Díaz, dono do alpendre incendiado: "Eran as sete da mañá cando me levantei para mirar pola ventá e vin que non había un luz calquera. Entón saín para fóra e xa botei as mans á cabeza ao ver que estaba ardendo todo isto. Un veciño de aquí abaixo chamou o 112 e xa se presentaron aquí os bombeiros".

Polo de agora, descoñécense as causas do incendio. O dono do alpendre, que aínda non presentou denuncia, non descarta que fose intencionado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/01/2019