CRTVG

Buscar

Un incendio arrasa os pisos superiores dunha torre de Madrid

Publicado o 29/08/2020 09:35

Un incendio espectacular declarado esta madrugada nun edificio do barrio madrileño de Hortaleza, ao norte da capital, arrasou os pisos superiores do inmoble, que se desaloxou por completo sen que haxa feridos. A torre está situada na rúa Dulce Chacón, ata onde se desprazaron moitos efectivos dos servizos de emerxencias e dos bombeiros. Unha vintena de dotacións lograron controlalo aínda que non está extinguido.

O fume e as lapas eran visibles a varios quilómetros de distancia. Dous guindastres de ata 70 metros verten auga sobre as seis plantas superiores do edificio, que ten uns vinte andares e mais unha terraza. É unha torre de nova construción, na zona de Pinar de Chamartín, onde se levantan outras cinco máis.

A intervención dos bombeiros evitou que as lapas se propagasen aos pisos inferiores e que tampouco afectasen os edificios lindeiros, ao que contribuíu a ausencia de vento. O incendio obrigou a cortar tres carrís de entrada a Madrid na M-11 á altura de Arturo Soria para facilitar o traballo dos servizos de emerxencia.


 

Noticias web

29/08/2020