CRTVG

Buscar

Un hotel de Ribadeo inspírase no xogo do Cluedo para revivir un misterio cos seus hóspedes

Publicado o 05/05/2019 21:30

O misterio apodérase dun hotel de Ribadeo, que se converte de forma premeditada no escenario duns acontecementos que se remontan ao século XIX. Os hóspedes mergúllanse nunha experiencia inspirada no popular xogo do Cluedo, onde nada é o que parece, e teñen que xogar as súas cartas para dar coa verdade. 

Benvidos ao hotel do misterio, onde a intriga e as sospeitas están garantidas. Hóspedes e actores mergúllanse nunha trama que terán que resolver.

Os xerentes, Yolanda Fernández e Antonio Serantes, póñennos en antecedentes: "Estamos en 1924 e todo ten que ver cunha historia que pasou hai trinta anos".

"Trátase de ver se podemos resolver ese misterio que todo o mundo coñece en Ribadeo. Foi unha noite negra e ninguén quere falar diso".

"Nunha cea pasaron moitas cousas. Despareceu xente, morreu xente, outra volveuse tola".
"Están convidados a pasar esta noite con nós, descendentes ou xente que ten relación cos desaparecidos e cos mortos que pasaron esa infeliz noite negra".

"Eu son o señor Loriente, o señor deste hotel, o supervivente da gran noite negra. Non sei o que pode pasar esta noite. Pode albergar horrores ou quizais o destino dos invitados sexa o mellor".

Inspirado no popular xogo do Cluedo, os hóspedes forman parte da intriga, xunto con actores de incógnito. "Son Elisa Sotosacro e son a fiel secretaria do señor Loriente. Permanezo ao seu lado e sei moitos segredos del".

"É misterioso. Ao chegaren os participantes entréganselles sobres e asígnaselles un personaxe, e a idea é fluír coa dinámica e que todos vaian descubrindo e desvelando os segredos conforme vai pasando a noite".

"Os personaxes que desenvolven non se coñecen entre eles e mesmo un pode estar durmindo co seu inimigo ou cun ladrón. Non sabe que persoeiro ten o acompañante do seu carón".

Trátase dunha iniciativa de ocio creada polos xerentes do hotel, coa implicación dos empregados que desde o primeiro momento atraeu moitos clientes.

Se están intrigados por como remata o asunto, tranquilos porque todo se resolve antes de que os hóspedes marchen.

Noticias web

05/05/2019