CRTVG

Buscar

Un hostaleiro fai o menú e sérveo a pé de obra en Santiago

Publicado o 23/04/2020 14:57

Cinco semanas co negocio pechado e a necesidade de ingresos levaron a Eleazar a darlle un xiro á súa ocupación interrompida. Xa que obreiros e traballadores non poden ir xantar o menú do seu bar, é el o que llo leva ao cliente.

Eleazar García, xerente do Chiringuito de Ele, explica: "Non hai bares para comer e os obreiros que traballan duro todo o día non poden andar con bocadillos. Propoñemos o que faciamos ata agora no bar, pero levándoo á obra. Ofrecemos un menos a elixir entre tres primeiros e tres segundos platos. Sempre cen por cento cociña caseira, non utilizamos ningún tipo de precociñados".

Tamén inclúe sobremesa, pan e bebida. Todo, por dez euros posto no destino. Cada día publica o menú nas redes sociais e recibre encargos ata as doce e media da mañá.

A súa nova proposta acaba de poñela en marcha tamén non só mirando á circunstancia actual.
Di García que "cando todo volva a unha mediana normalidade, esa xente terá que comer nalgún lado. Volvemos ao mesmo. Que van facer, friameira, bocadillo... todos os días? Pódelo facer un día, pero todos... uf!, paréceme realmente cruel".

Desde o seu local preto da estación de tren de Santiago, o hostaleiro matiza que o mesmo que leva os menús a pé de obra tamén fai entregas a domicilio.

Noticias web

23/04/2020