CRTVG

Buscar

Un hostaleiro de Noia ofrece almorzos e xantares a domicilio a prezos módicos

Publicado o 28/01/2021 14:21

O dono deste asador de Noia asegura que quedou coa neveira chea a véspera do peche da hostalería. Así que, como os clientes non poden consumir no local, decidiu ir el onde estean os clientes. 

Pedro Creo, hostaleiro: "Levamos un zume de laranxa, un minicroissant e un sobao, un café. E levámoscho á casa".

Por un euro entregan os almorzos a domicilio ou onde o cliente estea traballando, sempre dentro de Noia. 

 "Non é para gañar cartos vaia, pero é para sobrevivir. Esa xente á que lle levas o café pode pedir unha comida ao mediodía, ou para a fin de semana. Iso é o que se busca".

Os menús que antes ofrecía no local tamén os leva á casa. E ao módico prezo de cinco euros. 

"Onte tivemos milanesa de polo con patacas, hoxe potaxe de fabas. Tamén se pode levar empanada ou callos."

Antes da pandemia eran seis persoas traballando. Agora quedaron catro: dous empregados e dous autónomos.

"Se estamos pechados temos que pagar igual impostos e a Seguridade Social. Pechados imos recibir axudas pero quen sabe cando chegarán".

Recoñece que outros compañeiros do sector non poden facer o mesmo, pero el prefire afrontar con optimismo esta nova parada da actividade.

"As contas non son para gañar cartos, son para sobrevivir e se queda un euriño... na casa non iamos gañar ese euro".

 

Noticias web

28/01/2021