CRTVG

Buscar

Un hostaleiro de Monforte entrega pratos preparados nun circo e nun hospital

Publicado o 21/03/2020 17:23

Un empresario de hostalería de Monforte de Lemos continúa coa súa actividade de facer pizzas e pratos elaborados que logo entrega a quen o precisa. É o caso dos empregados dun circo que quedaron confinados nesta localidade luguesa.

No seu reparto gratuíto tamén inclúe o hospital monfortino. Son xestos solidarios que se agradecen nesta situación especial.

O negocio está pechado por orde oficial. Pero a actividade deste establecemento continúa. Atenden pedidos por teléfono de clientes que levan a comida xa preparada, pero tamén reparte entre aqueles que o precisan.

Os beneficiados son os empregados deste circo. Quedou aquí desde que se decretou o estado de alarma. Os seus traballadores non poden saír e non teñen recursos para se manter porque non chegaron a ofrecer ningunha función. Agradecen todas as axudas.

Julio rexeita os eloxios, pero a súa xenerosidade correspóndese coa que recibiu dos médicos cando tivo un problema cardíaco e grazas á súa atención recuperouse.

Noticias web

21/03/2020