Un hostaleiro da Coruña, en folga de fame para reclamar a apertura do ocio nocturno
O propietario dun pub da Coruña iniciou hai dous días unha folga de fame para visibilizar a situación do sector da hostalería e reclamar solucións. Reivindica a apertura do ocio nocturno e pide axudas económicas.
É unha decisión drástica ante unha situación límite. Lolo iniciou unha folga de fame o venres pasado para esixir o regreso do ocio nocturno. Desde mediados de marzo apenas puido abrir quince días. O segundo peche obrigado deixou o seu negocio á beira do precipicio. "Péchannos e non nos dan ningunha axuda. Se queren matarme de fame que polo menos a xente o vexa".
O negocio de Lolo ten licenza de cafetería especial. Aínda que o seu horario de apertura comeza ás dez da mañá, está catalogado como local de ocio nocturno. Pide que deixen traballar todo o sector "coas medidas que fagan falla".
Leva trinta e cinco anos sendo punto de encontro na rúa do Orzán. Agora Lolo recolle sinaturas de apoio para evitar que a covid−19 dite un final precipitado para a súa historia.