CRTVG

Buscar

Un home retén o asaltante dunha anciá nunha rúa de Lugo e facilita a súa detención

Publicado o 12/03/2019 13:54

Un home de 48 anos e con antecedentes penais presuntamente rouboulle o bolso a unha octoxenaria cando camiñaba pola avenida da Coruña, en Lugo. Como consecuencia do tirón, a anciá caeu ao chan. Pero co que non contaba o suposto delincuente era coa afouteza dun transportista que foi testemuña do roubo. Sen pensalo dúas veces, botouse ao presunto ladrón e conseguiu reducilo. Ademais, retívoo durante un cuarto de hora ata que chegou a policía. Segundo os veciños da contorna, este tipo de roubos prodúcense con relativa frecuencia, polo que procuran non baixar a garda. 

"De cando en vez pasan esas cousas, aínda que tampouco é o cotián. Pero coidado hai que ter, sobre todo a certas horas".

"É igual, que cho quitan igual. E tírante a ti e déixante aí tirada e lévanche o bolso igual. Ou lévalo amarrado con cadeas ou dalgunha maneira, se non é imposible".

Como consecuencia da caída, a vítima deste último roubo precisou asistencia médica. Pola súa parte, o detido xa pasou a disposición da Xustiza.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/03/2019