Investigan se un home lle prendeu lume a casa en Sigüeiro coa nai dentro
A Garda Civil investiga se un home lle prendeu lume á súa casa coa nai dentro na localidade de Sigüeiro, no concello de Oroso.
Ambos os dous ían ser desafiuzados ao mediodía deste venres, pero horas antes declarouse o incendio na vivenda, situada na rúa Rosalía de Castro.
O fillo, de 39 anos, rescatado con vida, permanece hospitalizado en estado grave. A Garda Civil custódiao no Clínico de Santiago e investígao por un posible homicidio.
O 112 Galicia tivo coñecemento do lume pasadas as once da mañá, grazas a alerta dun particular. Na chamada, asegurou que podería haber dúas persoas no interior.
Nun primeiro momento, a Policía Local dixo que a vivenda estaba chea de fume e que unha persoa estaba a ser atendida polos servizos sanitarios. Despois, confirmouse o falecemento da muller.
Segundo fontes próximas ao caso, o cadáver da muller foi localizado no interior da vivenda unha vez apagadas as chamas, tarefas nas que resultaron feridos dous operarios afectados polas altas temperatuas alcanzadas no interior do inmoble.
Os profesionais sanitarios derivaron ao momento o helicóptero medicalizado con base en Santiago. Por mor da extensión das lapas, tivo que sumarse ao operativo o corpo de Bombeiros de Arzúa.