CRTVG

Buscar

Un home morre nun accidente de tractor na Gudiña

Publicado o 17/07/2017 13:35

A vítima, de 57 anos de idade, faleceu no sinistro do seu tractor. Outro home de 33 anos tivo que ser atendido no punto do accidente, pero foi dado de alta

Un home de 57 anos faleceu no concello da Gudiña nun accidente co seu tractor cando recollía herba seca nun monte con forte pendente. Ao parecer, perdeu o control do vehículo que caeu ladeira abaixo.

Malia que os seus veciños e familiares se decataron do que sucedía e acudiron a socorrelo case no momento do sinistro, o home faleceu aos poucos minutos debido a gravidade das súas feridas.

Nesta pequena aldea da Venta da Teresa, no concello da Gudiña, os veciños e familiares de José Luís non acaban de crer o acontecido. Foi onte á última hora da tarde cando aconteceu o sinistro.

Levaba todo o día recollendo a herba seca nesta zona de forte pendente, cando por causas que se descoñecen perdeu o control do tractor. Non saben se se tratou dunha avaría do vehículo, ou se o home sufriu unha indisposición.

O caso é que o tractor envorcou e caeu ladeira abaixo. Os veciños avisaron rapidamente ao 061 que mesmo chegou a mobilizar nun primeiro momento un helicóptero medicalizado. Pero o home faleceu apenas uns minutos despois do accidente.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/07/2017