CRTVG

Buscar

Un home mata a súa muller en Gondomar e despois trata de suicidarse

Publicado o 02/12/2020 21:18

Un home matou presuntamente a súa muller cunha arma branca este mércores na parroquia de Mañufe, no municipio de Gondomar (Pontevedra) e despois tentou suicidarse, segundo informaron fontes da Garda Civil e da investigación. 

O suceso, que podería ser un caso de violencia machista, tivo lugar ás 16:25, cando se recibiu unha chamada aos servizos de emerxencia que informaba de que un taxista se atopaba nun domicilio para deixar alí a un mozo de 18 anos, fillo da vítima, que recollera dun centro de atención especial.

Ninguén abría a porta, así que decidiu chamar a nai e o pai. Este confesoulle o asasinato e díxolle que el mesmo ía morrer tamén porque cortara as veas

Axentes da Garda Civil acudiron ao lugar, entraron na casa e localizaron a S.R.V., de 59 anos, morta, con feridas de arma branca. 

Na casa estaba tamén V.A.B., suposto agresor, coas veas cortadas e semiinsconsciente, polo que foi evacuado ao Hospital Povisa de Vigo. 

A parella tiña dous fillos que agora quedan orfos de nai. Un deles é dependente.

Polo momento, segundo o resultado das pescudas, non se comprobou que haxa antecedentes por violencia de xénero na parella.

O Goberno municipal estudará este xoves a posibilidade de declarar loito oficial e organizar un acto de repulsa.

De confirmarse que é un novo caso de violencia machista, esta sería a vítima mortal número 42 no que vai de ano e sumaríase ás 1.074 mulleres que foron asasinadas polas súas parellas e exparellas desde 2003.