CRTVG

Buscar

Un home mata a súa muller e despois suicídase en Xirona

Publicado o 27/05/2020 18:03

Un home de 72 anos asasinou a súa parella e despois suicidouse na localidade xerundense de  L'Escala, onde ambos residían, ao parecer tras unha disputa sobre a propiedade do domicilio familiar, segundo fontes dos Mossos d'Esquadra.

 O presunto homicida e a vítima, de nacionalidades española e belga, respectivamente, atopábanse en proceso de separación, pero litigaban por saber quen quedaría coa casa, en cuxo xardín apareceu o corpo dela apuñalado e envolto nunha cortina, segundo explicaron fontes próximas á investigación. 

Nunha parcela veciña atoparon o home aforcado nunha árbore, aínda que previamente deixara varias notas, a maioría dirixida aos Mossos, en que recoñecía implicitamente o que fixera e denunciaba unha conxura contra el para quitarlle a vivenda. A casa pertencía orixinalmente aos pais dela, pero despois adquiriuna el, aínda que a muller conservou unha parte minoritaria da propiedade. 

A investigación confirma polo momento que o home asasinou a Annick Chenut, de 65 anos e responsable da inmobiliaria Aires L'Escala, aínda que se descoñece a escena do crime, xa que o domicilio non presentaba ningún indicio de violencia. Tras deixar o cadáver no xardín, o homicida supostamente colleu todas as cousas da muller, meteunas no coche dela e levouno a unha praza próxima, onde queimou o automóbil. 

Os bombeiros recibiron aviso do incendio ás 3.32 horas e, un cuarto de hora antes, o presunto asasino contactou coa filla que tiña doutro matrimonio e díxolle a través dun correo electrónico que non se sentise culpable polo sucedido, así como que o asunto da casa estaba arranxado. Esta persoa foi a que, ao descubrir ás 7.00 horas deste mércores o contido da mensaxe, púxose en contacto co teléfono de emerxencias. Tanto ela como un fillo da vítima acudiron ao domicilio dos seus pais e os axentes trasladáronos a comisaría para que prestasen declaración.

Un responsable doutro negocio de compravenda de vivendas co que  Chenut colaboraba a miúdo, Jaume  Astor, acudiu esta mañá ao domicilio da parella ao relacionar o que acababa de coñecer polas noticias coa persoa coa que quedara por un tema profesional e que non lle collía o teléfono. Astor explicou que estivo coa vítima a semana pasada na carnicería, que mantivo "unha conversa normal" e asegurou que nunca imaxinou "que unha cousa así puidese pasar". 

De confirmarse a natureza machista do crime, elevaríase a 19 o número de mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas en 2020, e a 1.052 as vítimas mortais desde que empezou a rexistrarse a estatística, en 2003. Sería a terceira vítima mortal por violencia machista desde que se decretou o estado de alarma e a cuarta muller asasinada polas súas parellas ou ex-parellas en Cataluña no que vai de ano, a primeira en Xirona.  O caso lévao o Xulgado de Instrución de  Figueres, aínda que todo apunta a que se inhibirá en favor do de violencia machista.