CRTVG

Buscar

Dor en Vilalba tras o asasinato machista de Mari Carmen a mans da súa ex-parella

Publicado o 22/07/2019 19:29

Os veciños de Vilalba viven con dor este crime machista ocorrido á beira das súas casas. Este luns, concentráronse diante do concello en repulsa polo asasinato de Mari Carmen Vázquez. Ao remate do acto, a alcaldesa da vila fixo un chamamento para que ningún veciño sexa cómplice da violencia.

Alcaldesa de Vilalba: "Non podemos quedar calados se temos coñecemento de que algunha muller está a sufrir malos tratos. Antes de que ocorran estas situacións, como a perda da vida dunha muller".

Os feitos aconteceron no garaxe do que fora o domicilio familiar durante máis de 20 anos. Foi alí onde a Garda Civil atopou o cadáver da vítima cun corte no pescozo. Tamén no propio garaxe localizaron aforcado o agresor.

"Un encanto de moza, non podo dicir máis nada". "Isto foi unha traxedia. Nos mundos de hoxe é incrible que pase isto". "É moi triste. A xustiza é feble no tema de protección das mulleres. E a orde de afastamento, con cada asasinato, demostra que estamos desprotexidas", comentan os veciños.

A parella estaba en trámites de separación e dende hai un mes pesaba sobre el unha orde de afastamento e tamén a prohibición de comunicarse coa vítima. O Concello de Vilalba decretou tres días de loito oficial en repulsa polo crime.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí