CRTVG

Buscar

Un home irrompe de madrugada e causa estragos nos xulgados de Vigo

Publicado o 09/11/2019 15:04
Un home irrompe de madrugada e causa estragos nos xulgados de Vigo

A Policía Nacional detivo un varón de 37 anos, de nacionalidade española e residente en Vigo, que esta madrugada irrompeu nas dependencias dos edificios xudiciais de Vigo e causou danos no xulgado de violencia sobre a muller.

A dotación acudiu ao edificio xudicial sobre as cinco da mañá e atopou unha fotocopiadora envorcada no corredor, material e documentos esparexidos polo chan, a pantalla dun ordenador estragada e restos de sangue en distintos lugares do edificio, pero sen que ninguén aparecese dentro.

Minutos máis tarde recibiron outra chamada para alertar dun varón con sangue nas mans e na fronte nun bar da avenida da Florida, unha rúa próxima, e cando se achegaron o home recoñeceu voluntariamente que fora el quen fixera eses estragos no xulgado.

O home está implicado noutros dous incidentes anteriores, na noite, un na rúa Pateira, sobre as catro, e un posterior na Comisaría da Policía Nacional, onde quixo presentar unha denuncia contra o xuíz de violencia de xénero. Tamén ten outros sete antecedentes anteriores.

O detido non quixo recibir asistencia médica e foi trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro, onde permanece á espera dunha avaliación psiquiátrica.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí