Un home fuxido de prisión asalta un bar en Culleredo armado cun mazo
O asalto a este bar de Culleredo o sábado de madrugada mobilizou dúas patrullas da Policía Local e outras dúas da Garda Civil cunha embarcación incluída. Protagonizouno un home de 45 anos que, armado cun mazo, entrou por un lateral.
Juan Manuel Martís Díaz, fillo dos donos do bar: "Damos moitas grazas aos veciños, que foron quen avisaron a policía e, grazas a eles, puideron coller o ladrón. Entrou pola cristaleira e estivo no local entre 30 e 40 minutos, xa que lle deu tempo a remexer todo. Ao saír do local, viuno a policía e botou a correr cara á ría. Tentou agredir un policía co mazo co que escachou a cristaleira. Tiveron que pegar dous tiros disuasorios ao aire e despois disto, correu e saltou ao mar".
Botouse á ría tras unha persecución polo paseo marítimo. Resistiu na auga bastantes minutos ata que, ferido nun brazo e con hipotermia, acabou accedendo á embarcación da Garda Civil tras deixar no mar a súa arma e o botín.
Martís Díaz fala así da acción do ladrón: "Non quería subir á patrulleira. Un pouco cómico parece, como dunha película de James Bond. Xa con hipotermia subírono á embarcación e foi directo ao hospital. Estaba en busca e captura e xa irá para o cárcere. E os cartos, na ría. Supoño que os mariscadores igual levan unha alegría. Entre 700 e 800 euros. Canto a estragos, o peor foi o do cristal, os danos na máquina do tabaco e pouca cousa na máquina dos dardos".
O autor do asalto estaba en busca e captura por fuxir do cárcere.