CRTVG

Buscar

Un home falece nun accidente en Belesar tras quedar inconsciente ao volante

Publicado o 15/10/2021 09:53

O condutor dun turismo faleceu a noite deste xoves despois de sufrir unha saída de vía co vehículo que conducía, en Belesar, no concello do Saviñao. Trátase dun home de 70 anos, veciño de Chantada.

Ao parecer, o home indispúxose cando estaba ao volante e bateu contra unha barreira de protección. O ruído alertou os veciños, que acudiron auxilialo. Ao veren que estaba inconsciente, escacharon o cristal da xanela e extraeron o seu corpo do vehículo.

"Ao ver que había unha persoa dentro, inconsciente, intentou abrir as portas, pero estaban totalmente bloqueadas. Entón lanzou unha pedra para intentar romper o cristal e acceder ao coche. Custoulle, pero ao final puido. Entón achegáronse máis veciños e trataron de mover o coche, do que saía moito fume. Movérono un pouco, abriron a porta, sacaron a chave do contacto e xa viron que o home estaba inconsciente", relata a dona do primeiro veciño que acudiu.

Unha vez sacaron o corpo do coche, os propios veciños comprobaron que o condutor xa falecera. Así o confirmaron os servizos de emerxencias cando chegaron ao lugar.

"Comentáronme que romperon o cristal e logo seica xa veu unha ambulancia medicalizada, pero xa nada. Unha veciña que é médico xa dixo que estaba morto". "De aí xa se encargaron de chamar os servizos sanitarios e xa viñeron. En 15 ou 20 minutos xa estaba aquí a ambulancia, e logo xa viñeron a Garda Civil e a Policía Local", contan os veciños.

Barállase a posibilidade de que a vítima do sinistro sufrise un infarto mentres estaba a conducir.