CRTVG

Buscar

O izado da carga puido ser o que provocou a vía de auga que afundiu o Dorneda

Publicado o 12/07/2018 09:35

A mala meteoroloxía, sumada a un fallo eléctrico, parecen polo momento as causas máis probables do afundimento en augas do Atlántico sur do pesqueiro galego Dorneda, da empresa Freiremar. Os sobreviventes viaxan xa ao continente.

Os 25 tripulantes do pesqueiro Dorneda que foron rescatados con vida tras o afundimento viaxan arestora cara á cidade de Puerto Madryn, na costa norte da Patagonia arxentina. A uns 570 quilómetros de onde se produciu o sinistro. Está previsto que cheguen nas vindeiras 48 horas. Con eles viaxa tamén o único falecido que segundo fontes diplomáticas non ten nacionalidade española.
Na zona, a Armada arxentina continúa coas tarefas de rastrexo para atopalo mariñeiro que continúa desaparecido. 

Segundo as primeiras hipóteses, o afundimento do buque con base en Vigo puido causalo un fallo eléctrico, sumado á pésima situación meteorolóxica na rexión. O buque Dorneda, da empresa Freiremar, activou a radiobaliza de urxencia a unhas 308 millas náuticas da costa arxentina despois do que parece ser unha falla eléctrica na rampa de popa, que se emprega durante a pesca de arrastre. 

Rapidamente, dous buques, o Farruco e o Beagel 1, desprazáronse ata a zona para prestar axuda e atoparon nunha lancha os 25 sobreviventes e tamén o único falecido ata o momento. Unha persoa permanece aínda desaparecida.

Entre a dotación hai 11 españois, pero tamén marroquís, peruanos e indonesios. Nin o finado nin o desaparecido son galegos.

Afectados pola morte de dous tripulantes dun barco da súa propiedade, na armadora viguesa Freiremar apuran agora os traballos para repatriar canto antes os mariñeiros superviventes, entre os que hai cinco galegos, sete indonesios e 13 peruanos.

Os primeiros datos apuntan a que o Dorneda, un arrastreiro de 50 metros de eslora que leva traballando dúas décadas na zona, sufriu unha vía de auga, pero descoñécense as causas. O buque conxelador acababa de comezar a marea, recentemente renovara o motor e no momento do naufraxio o mar non presentaba especialmente malas condicións.

O buque Farruco, tamén propiedade de Freiremar, rescatou 16 dos superviventes e continuará un tempo no lugar á busca do mariñeiro desaparecido. Noutro barco, o Beagle 1, de bandeira arxentina, viaxa o resto da tripulación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/07/2018