CRTVG

Buscar

Un home degola presuntamente a súa muller en Alacante e despois suicídase

Publicado o 13/09/2021 20:42
Un home degola presuntamente a súa muller en Alacante e despois suicídase
EFE

Unha muller de 40 anos foi atopada sen vida este luns, ao parecer degolada, nunha vivenda de  La Vila Joiosa (Alacante), horas despois de que a súa parella sentimental se matase lanzándose desde unha ponte nesa localidade.

As mesmas fontes sinalaron que os primeiros indicios apuntan a un posible caso de homicidio por violencia machista. Era un matrimonio con tres fillos menores, sen antecedentes de violencia de xénero. 

Fontes consultadas por EFE indicaron que o home, de 52 anos, se tirou da ponte da vía do tren sobre as dez da mañá e faleceu. Foi á hora da saída do colexio cando o centro deu parte de que non viñera a nai para recoller os seus fillos, polo que se avisou á Garda Civil.

Axentes do instituto armado acudiron á casa e, tras tombar a porta, atoparon á muller degolada. O levantamento do cadáver produciuse sobre as 19:30 horas. Activáronse todos os protocolos de Benestar Social para prestar apoio á familia, segundo informaron outras fontes consultadas.

Fontes municipais manifestaron a EFE que o pobo está "consternado e moi sorprendido" polo sucedido. Á Policía Local non lle constan denuncias previas por malos tratos, nin que a vítima estivese no sistema de seguimento integral por casos de violencia de xénero (VioGén). 

Noticias web

13/09/2021