Entrégase tras matar a seu irmán en Sigüeiro nunha discusión
Xa foi trasladado á Comandancia da Coruña o home detido por matar a seu irmán en Sigüeiro. O autor confeso asegura que lle cortou o pescozo no medio dunha borracheira.
Está pendente o seu paso a disposición xudicial, previsto inicialmente para este mércores.
Despois de que o presunto autor do asasinato confesara o crime no xulgado de paz, a Garda Civil trasladouse ata a vivenda do detido. Alí atoparon o cadáver do seu irmán con sinais de morte violenta. Ata que chegaron os axentes, ningún veciño detectara nada estraño. Tras autorizalo o xulgado, o cadáver foi trasladado para practicárselle a autopsia, que non se lle fará ata este mércores.
A policía xudicial da Garda Civil, que se encarga da investigación, colleu do piso escenario do crime as posibles probas para tratar de determinar polo miúdo o que ocorreu.
O que trascendou foi o que confesou o presunto autor do crime cando se presentou no xulgado de Paz aínda coa roupa chea de sangue. Alí relatou que pelexara co irmán e que o degolara cunha arma branca. Segundo a súa versión, os dous estaban bébedos, e a vítima chegara a Sigüeiro había un día desde Romanía, de onde son os dous.