CRTVG

Buscar

Un home de Crecente salva a vida tras arderlle a casa e derrubarse

Publicado o 16/10/2020 14:14

Os bombeiros de Ponteareas e os GES de Ribadavia extinguiron esta madrugada un virulento incendio nunha vivenda do concello de Crecente.

As lapas estragaron toda a vivenda unifamiliar en que durmía un home, que por sorte espertou e saíu da casa polo seu propio pé, aínda que tivo que ser atendido nunha ambulancia por inhalación de fume e pola impresión do suceso.

Unha vivenda do barrio dos Piñas en Crecente comezou a arder contra as dúas da mañá, probablemente por un curtocircuíto no baixo.

Paco, o seu propietario, estaba a durmir cando detectou que a tele se prendía soa e comezou a escoitar sons e sentir o fume.

Olimpio foi o primeiro veciño que se decatou do incendio e acudiu a axudar a Paco que estaba moi nervioso e mesmo o axudou a sacar o coche do inmoble.

En vinte minutos a casa derrubouse xa que toda a estrutura era de madeira e ardeu axiña, na adega había ademais unha gran cantidade de leña. Os veciños nunca viran nada igual.

Ao lugar, ademais dos bombeiros de Ponteareas e o GES de Ribadavia acudiu unha ambulancia que atendeu o home por inhalación de fume e tamén polo seu estado de nerviosismo.

Unha hora despois de dar aviso a emerxencias, chegou ao lugar a familia do propietario que o levou de volta a Vigo, onde a familia ten a súa vivenda principal. Os traballos de de extinción prolongáronse durante toda a madrugada.

Noticias web

16/10/2020