CRTVG

Buscar

Un home de 87 anos falece tras ser atacado polos seis cans dun veciño

Publicado o 11/07/2018 15:09

Falece un home de 87 anos que foi atacado onte polos seis cans dun veciño ao que fora visitar no municipio asturiano de Siero. A vítima saíra a dar un paseo a media mañá e parara na casa dun veciño. Ao abrir a porta da finca, os animais alcanzárono e chegaron a producirlle desgarros por todo o corpo, principalmente nos brazos. Foi o propio veciño, que no momento do ataque se atopaba na cama, quen o atopou. Tras notificar o ocorrido, a vítima foi trasladada ao Hospital Universitario Central de Asturias, onde máis tarde faleceu ao non poder superar as graves lesións. O ataque está sendo investigado pola Garda Civil de Xixón.

Ante os ataques de cans, a responsabilidade dos donos é fundamental

Unha mordedura de can pode traer graves complicacións a quen a sofre, chegando a provocar a morte nalgúns casos. No trato con este animais recoméndase seguir algúns protocolos, como preguntar sempre se podemos acariciar o animal e, no caso dos donos, educalos para evitar as agresións.

O pasado xuño, dúas mozas eran atacadas por un can que ía solto na localidade sevillana de Utrera. En xaneiro, un agricultor falecía no municipio valenciano de Vall d'Uixó tras ser atacado mentres traballaba por unha manda de cans que se atopaba nun refuxio ilegal.

Tamén, o pasado novembro, na localidade pontevedresa de Covelo, unha muller perdía as dúas pernas despois de ser atacada polos dous cans dun veciño.

Se ben é recomendable para todos ser prudentes ao ter contacto con estes animais, a responsabiliade dos donos é fundamental para previr os ataques.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/07/2018