CRTVG

Buscar

Un home de 82 anos, o primeiro en recibir a vacina de Oxford/AstraZeneca

Publicado o 04/01/2021 15:01

Un home de 82 anos, foi este luns a primeira persoa no Reino Unido en ser vacinada co preparado contra a covid-19 desenvolto pola Universidade de Oxford e a farmacéutica AstraZeneca.

Trátase de Brian Pinker, está en grupo de risco ao necesitar diálise, e foi vacinado no Hospital Universitario de Oxford.

Nun comunicado destacou que "está moi contento de recibir a vacina e sentirse orgullosoo de que sexa unha das creadas en Oxford. As enfermeiras, médicos e o persoal médico foron fantásticos e teño ganas de celebrar o meu 48 aniversario de voda coa miña muller Shirley a finais de ano".

Os reguladores do Reino Unido aprobaron o pasado 30 de decembro o antídoto de Oxford/ AstraZeneca, unha vez analizados todos os datos que achegaran os investigadores de Oxford.
Ademais da vacina de Oxford/ AstraZeneca, considerada segura e efectiva, o país está a vacinar coa de Pfizer/BioNTech.

O Reino Unido xa ten comprometidas cen millóns de doses do preparado de Oxford, que permitirá vacinar a 50 millóns de persoas, xa que se necesitan dúas doses.

O Reino Unido rexistrou o domingo outros 54.990 novos casos de coronavirus e outros 454 falecementos, segundo datos oficiais.

A vacinación da poboación británica incrementarase nas próximas semanas, en momentos en que se rexistra un inquietante aumento dos contaxios, que as autoridades relacionan cunha nova variante do coronavirus que se estende con máis rapidez.

O ministro de Sanidade, Matt Hancock, chiou este luns que a vacinación co preparado de Oxford supón un "paso vital" na loita contra o coronavirus e unha "misión nacional".

A vacina de Oxford é máis fácil de almacenar xa que se pode manter nunha neveira normal, como a vacina contra a gripe, mentres que a de Pfizer/ BioNTech necesita conservarse nunha temperatura de 70 graos centígrados baixo cero.

O Reino Unido empezou o pasado 8 de decembro co plan de inmunización cando  Margaret  Keenan, de 91 anos, converteuse na primeira persoa do país e o mundo en recibir o preparado de Pfizer/ BioNTech.