Un home de 67 anos recupérase no hospital de Santiago das picaduras de velutinas
No lugar da Filgueira, no concello de Lousame, preto de Noia, quedou ferido un home este martes contra as sete da tarde. Traballaba nun terreo das proximidades cando sufriu varias picadas de velutina, principalmente na cabeza e nos ollos. Ao decatarse, subiu ao motocultor para pedir axuda, pero non deu chegado á casa, situada a un quilómetro de distancia. A sorte foi que daquela recibiu unha chamada e puido pedir socorro. Foi unha veciña a primeira en acudirlle e chamar a urxencias.
Manuel, de 67 anos, recupérase no hospital de Santiago, está mellor, pero permanece en observación aínda sen saber cando lle darán a alta. O 112 mobilizou ata o lugar persoal de Protección Civil de Lousame, do Grupo de Emerxencias de Noia, a Garda Civil, unha ambulancia e un helicóptero medicalizado en que o trasladaron a Santiago despois de estabilizalo.