Un home dálle unha puñada a outro na cola para vacinarse do hospital da Mariña
Un home deulle unha puñada a outro no hospital da Mariña, en Burela. O incidente produciuse ás portas do punto de vacinación, cando ambos os dous facían cola. Ao parecer, a vítima convidou o agresor a gardar a distancia, e foi entón cando recibiu un golpe nun ombreiro. Daquela, unha traballadora da Cruz Vermella tivo que mediar para lle poñer fin á discusión.
"Sorpréndeme moitísimo. Paréceme unha parvada o que se está facendo. Por gardar a distancia de seguridade ou porque alguén che chame a atención, levar un golpe paréceme realmente incrible". "Non me parece normal que se agridan. Quedei asombrado". "Eu supoño que sería un caso puntual. Nós viñemos vacinarnos hoxe, e a xente, moi respectuosa, mantendo a súa distancia de seguridade. Sen ningún problema", comentan os pacientes do hospital burelao.
Este altercado produciuse só uns días despois de que se rexistrase outra agresión noutro centro hospitalario da mesma área sanitaria. Un paciente déralle unha puñada a un garda de seguridade no servizo de Urxencias do HULA.
"Estamos todos moi crispados con este tema. É o que hai. Non me parece nada ben a violencia, pero a xente está un pouco subida de ton, en todos os sentidos. Estamos aburridos, cansos desta situación, pero é o que nos tocou vivir". "Estamos todos alterados. Pola situación que se está atravesando, non é de estrañar que ocorran casos coma este", engaden.
Neste último incidente acontecido no hospital mariñao, o agresor xustificou a súa reacción violenta argumentando que a vítima da puñada lle rompera o teléfono móbil.