CRTVG

Buscar

O home que asasinou a muller de Aznalcóllar disparou ante o fillo e avisou por teléfono a filla

Publicado o 26/02/2020 11:45

O home que asasinou esta noite a súa muller en Aznalcóllar (Sevilla) e que se suicidou despois chamou a súa filla por teléfono para dicirlle que ía matar a súa nai e suicidarse despois, uns feitos que presenciou un dos tres fillos da parella, de 4 anos.

O alcalde de Aznalcóllar, Juan José Fernández, indicou, ademais, aos xornalistas que os tres fillos do matrimonio (os maiores teñen 20 e 15 anos) están a recibir axuda psicolóxica tras a morte dos seus pais, que se produciu esta medianoite no domicilio familiar.

O presunto asasino, de 51 anos, matou a súa muller, de 43, cunha escopeta e despois suicidouse coa mesma arma, segundo os investigadores da Garda Civil, que se fixo cargo do caso.

Fernández sinalou que o presunto asasino tiña licenza de armas porque era cazador e reiterou que non existían denuncias nin informes sobre el, que era "un cidadán que pasaba desapercibido, pero de portas cara a dentro ninguén sabe que se esconde".

Pouco antes da medianoite, os veciños alertaron tras oír os disparos e o pranto do fillo pequeno, segundo o alcalde, que indicou que unha das fillas estaba de viaxe e está a regresar á casa tras coñecer o sucedido.

O Concello de Aznalcóllar decretou dous días de loito e convocou unha concentración en repulsa por este asasinato.

Os dous corpos foron levantados pasadas as tres da madrugada e atópanse no Instituto Anatómico Forense de Sevilla, á espera de que se lles practique a autopsia.

O alcalde fixo un chamamento ás institucións para que "desde a serenidade" se acorde un pacto de Estado para evitar este tipo de accións e pediu aos veciños "que non tapen as orellas" e denuncien os casos que poidan coñecer.

Esta muller asasinada en Aznalcóllar é a vítima número 12 da violencia machista no que vai de ano e a número 1.045 desde que comezaron a rexistrarse as estatísticas en 2003, segundo confirmou o Goberno.

Trátase do terceiro crime machista perpetrado en Andalucía en 2020: en menos de dous meses, a vida de 12 mulleres foi arrebatada polas súas parellas ou ex-parellas en España e só nun dos casos constaba denuncia previa por violencia machista.