CRTVG

Buscar

Un home asasina a puñaladas a súa noiva na localidade cántabra de Laredo

Publicado o 04/01/2019 09:47

Esta mañá está previsto que pase a disposición xudicial o home acusado da morte da súa noiva en Laredo. Tiña 26 anos e deixa orfa unha nena de 5 anos. O Goberno lembra que hai mecanismos de protección para as vítimas de violencia de xénero con independencia da súa situación administrativa.

O crime produciuse de madrugada na vivenda que Rebeca compartía con dúas amigas en Laredo. O noivo asestoulle varias coiteladas no peito e ameazou as compañeiras da muller cando intentaron frear a agresión. Os sanitarios non puideron facer nada por ela. O home fuxiu pero despois entregouse na Policía Local. Segundo declararon as amigas, Rebeca quería poñer fin á relación que mantiñan desde hai ano e medio.

O asasinato de Rebeca causou a indignación dos seus veciños.

"Outra maís, unha máis. Lamentablemente isto non cesa", di unha veciña.

"Non hai dereito. É que os homes cren que teñen dereito de matar unha muller, ou de violala. E que non me entra na cabeza", asegura outra muller.

Rebeca tiña 26 anos e era dominicana. Levaba tres anos en España de xeito irregular. O Goberno lembra que hai mecanismos de protección para as vítimas con independencia da súa situación administrativa e reclama unha fronte común contra a violencia machista.

"O Estado español require da unidade das forzas polìticas para loitar contra esta eiva, e hoxe vemos que é máis necesario ca nunca o desenvolvemento das medidas incluídas no pacto de Estado contra a violencia de xénero", dixo o Delegado do Goberno en Cantabria.

Rebeca deixa orfa unha nena de 5 anos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/01/2019